Sunday 28 de April de 2024

O ciclo da Xunta “Danza 3” intensifícase en agosot con sete actuación de Cantigas e Agarimos, o Fiadeiro e Xacarandaina


— A novena edición desta iniciativa, protagonizada polas tres agrupacións do colectivo XOC, ofrecerá ata finais de setembro 15 funcións noutras tantas localidades galegas

— O Fiadeiro actuará mañá na Guarda e o domingo en Poio, Xacarandaina o día 29 en Carral e Cantigas e Agarimos continuará celebrando o seu centenario o día 8 no Carballiño, o 15 en Cambados, o 21 en Negreira e o 27 en Carnota

O programa da Xunta Danza 3 intensifica durante este mes de agosto o seu percorrido por Galicia, con sete novas citas protagonizadas polas tres agrupacións integrantes do colectivo XOC: Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela. A iniciativa, que está a celebrar a súa novena edición, desenvolverá ata finais de setembro 15 funcións noutras tantas localidades como parte da oferta cultural do Xacobeo 21-22.

O grupo de baile de O Fiadeiro será o encargado de abrir a carteleira de agosto, con dúas actuacións esta mesma fin de semana, que terán lugar mañá sábado, ás 20,30 h., no Auditorio de San Bieito da Guarda e o domingo 8, tamén ás 20,30 h., na Explanada da Seca en Poio.

Así mesmo, este domingo Cantigas e Agarimos viaxará ata O Carballiño para a función que terá lugar na praza da Veracruz ás 20,00 h. A formación compostelá, que este ano conmemora o centenario da súa creación, estará tamén en Cambados o 15 de agosto (praza de Fefiñáns, ás 20,00 h.), en Negreira o día 21 (Colexio O Coto, 22,00 h.) e en Carnota o día 27 (praza da Solaina do Pindo, 21,00 h.).

A programación de agosto concluirá o día 29 en Carral, onde Xacarandaina ten prevista unha actuación de danza tradicional ás 12,00 h. no Campo da Feira.

Coa edición de 2021 de Danza 3, a Xunta colabora por noveno ano consecutivo co colectivo XOC para lle achegar ao público a riqueza do baile e da música tradicionais. Neste mesmo sentido desenvolven o seu traballo diario as tres devanditas agrupacións, na procura dunha maior visibilidade do folclore galego tanto a través de actividades de exhibición e formación como de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.